NOVAS-ACTUALIDADE
Feijóo destaca que a nova Lei de Caza blinda nos 16 anos o límite legal para obter unha licenza

Feijóo destaca que a nova Lei de Caza blinda nos 16 anos o límite legal para obter unha licenza, prima a seguridade e a preservación do medio ambiente e avanza na concepción da caza como un instrumento para mellorar a economía do rural.

Resalta a gran relevancia territorial, económica e social do texto: “o 93% de toda a superficie territorial de Galicia son terreos cinexéticos; e estamos a falar dunha actividade que xera ao redor de 90 millóns de euros ao ano e con máis de 50.000 licencias federadas”.

Subliña que, por primeira vez, a norma define claramente que é un cazador –especificando ous seus deberes e as súas responsabilidades-, e que é cazar e o que non.

Avanza a creación dun fondo de corresponsabilidade para facer fronte aos danos que produzan os animais.

Insiste en que a nova lei proporciona un réxime sancionador “máis claro, máis concreto e, nalgúns casos máis duro”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, hoxe na rolda de prensa do Consello, que a nova Lei de caza que está a tramitar o Goberno galego blinda nos 16 anos o límite legal para obter unha licenza, prima a seguridade e a preservación do medio ambiente e avanza na concepción da caza como un instrumento para mellorar a economía do rural. “En definitiva, -explicou- actualizamos unha lei de caza para acomodala ás necesidades do mundo cinexético; para avanzar na concepción da caza, non só como actividade deportiva ou lúdica senón, tamén, para contribuír á mellora da economía rural; para afondar no exercicio dunha caza máis responsable, onde prime a seguridade e a preservación do medio ambiente; e para mellorar e clarificar o réxime sancionador e as responsabilidades”.

Feijóo referiuse, tamén, á relevancia territorial, económica e social do texto, que será remitido ao Consello Económico e Social como paso previo ao Parlamento de Galicia. “Trátase –dixo- dun texto de gran relevancia porque o 93% de toda a superficie territorial de Galicia son terreos cinexéticos; e estamos a falar dunha actividade que xera ao redor de 90 millóns de euros ao ano e con máis de 50.000 licencias federadas”.

Segundo explicou o responsable do Executivo galego, a nova lei modifica o actual concepto de caza como unha actividade que vai máis aló do deportivo ou do lúdico: “Ten unha función social, especialmente, como instrumento para a xestión de poboacións silvestres que, nalgún caso, son causa de graves danos tanto na agricultura, na gandería ou no tráfico rodado; pero, tamén, como instrumento para o desenvolvemento rural, dando, por exemplo, un impulso especial as explotacións cinexéticas comerciais”.

Así mesmo, e seguindo as recomendacións do Valedor do Pobo, o documento mantén en 16 anos a idade mínima para obter licenza de caza; e reforza a existencia de seguridade na caza. Por primeira vez, o texto define claramente qué é un cazador –especificando ous seus deberes e as súas responsabilidades-, e que é cazar e o que non, evitando problemas na interpretación da normativa ao respecto. Conceptúanse as especies que son obxecto de caza e clasifícanse os terreos, distinguindo entre os que son cinexéticos e os que non. Dentro destes últimos figuran como novidades os refuxios de fauna, onde non será posible cazar.

A lei regula polo miúdo o uso de armas e o uso de municións, deixando claro cales se poden utilizar e cales non, segundo modalidades, especies, etc; e inclúe novas modalidades de caza.

Na procura dunha mellora dos instrumentos de conservación e control, o novo texto define con claridade os vedados de caza, autorizándose a xestión cinexética nos mesmos cando concorren unha serie de circunstancias. Ata o de agora nos terreos vedados estaba totalmente prohibido cazar e isto provocaba que estas zonas se convertesen en verdadeiras ‘reservas’ para os depredadores. Agora, permítese xestionar estes vedados, sempre precedendo autorización, co fin de conseguir que sirvan para o que foron deseñados, en relación coas necesidades de protección e control de cada un dos tecores. Con este mesmo obxectivo, flexibilízanse tamén os períodos hábiles de caza.

O titular da Xunta destacou que a nova lei regula con maior intensidade a responsabilidade das persoas que practican a caza. Establécese a figura do responsable das cacerías, que será o encargado de velar por que se cumpran as normativas da caza; e créase un fondo de corresponsabilidade para facer fronte aos danos que produzan os animais. “Este fondo permitirá repartir as cargas dos danos que causan as especies cinexéticas entre todos os axentes implicados e a través del achegaranse medios para previr danos ou afrontalos cando se produzan”.

Por último, Feijóo insistiu en que o texto proporciona un réxime sancionador “máis claro, máis concreto e, nalgúns casos máis duro”. As sancións moi graves increméntanse un 40%, pasando de 12 tipificacións de sanción grave a 17 tipificacións.

Outras novas

 Rexistros: 124 Páxinas:  1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7
TECOR DE PORTAS Rapeira, 26 • 36658 Portas • Pontevedra
Telf. 606 856 853 • Email. info@tecorportas.com
Diseño y desarrollo NOVOSmedios